Os contacontos son unha das actividades que máis agradecen a rapazada e as familias. Pero se os narradores son papá e mamá, entón, a experiencia resulta incrible.
Coa intención de que os pais e nais se animen a actuar como contacontos, perdendo o medo e superando as inseguridades, teño preparado esta presentación.
Está baseada no fantástico libro de Estrella Ortiz titulado Rotundifolia. Contar con los cuentos. Nun futuro, completareino con outros aspectos recollidos do mesmo libro.
Espero que vos sexa de utilidade e vos anime a contar contos.
No pasado Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y en la Cultura / IV Congreso Leer.es, a laboura que desenvolven as bibliotecas escolares galegas estivo tamén presente. Cristina Novoa e Pilar Sampedro (Asesoras de Bibliotecas Escolares) presentaron dúas comunicacións:
Bibliotecas Escolares de Galicia, aceleradores de innovación
Hora de Ler, un programa para el fomento de la lectura en centros educativos de Galicia
Achegámosvos o texto desta última, na que se resume a xénese e as características de todas as accións que es están a desenvolver no tocante ó Fomento da Lectura. Un bo xeito de coñecelas e comprendelas. E, se xa as coñeces, unha ocasión de refrescarse e retomar ideas.
O día 5 de setembro tiven a oportunidade de asistir á Conferencia de apertura do IV Congreso Leer.es e do Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y en la Cultura. Estivo a cargo de Ana María Machado, escritora brasileira gañadora do Premio Hans Christian Andersen.
De propia voz, coñecimos a súa traxectoria dende a súa máis tenra infancia (na que o papel dos seus avós e os seus pais resultou fundamental) ata a súa actual adicación ó fomento da lectura e da cultura.
Recentemente, estreouse este documental que reflexiona sobre a Educación. Eu non puiden acudir ó pase público en pantalla grande. Pero a fantástica Gracia Santorum achegounos o vídeo a través do seu magnífico blog Trafegando ronseis.
Certamente, é un documento moi longo; pero a vantaxe de poder acceder ó vídeo é que podemos cortalo cando queiramos e retomalo en canto poidamos. Quizás por iso, e porque no ordenador a imaxe é máis pequena, fíxoseme moi levadeiro, dinámico e atractivo.
Comeza o documento cunha recreación do famoso Mito da Caverna, de Platón, o cal xa promete. E digo "promete", porque o feito de que alguén poida chegar a pensar que as cousas talvez sexan distintas a como el as percibe sempre é positivo, e, sen dúbida, constitúe o xerme do cambio.
Convídovos, pois, a "perder o tempo" con este documento, a facervos preguntas, a pensar... Como di un dos personaxes da ficción que da unidade ó documental: é unha oportunidade que se nos da... Acaso temos medo a afrontala...?
E logo de "perder o tempo", anímote a contrastar a túa opinión con persoas que xa teñen visto o documental, como o meu amigo Fran Iglesias. Non perdas os xugosos comentarios ó seu artigo.
Entre as funcións da biblioteca escolar está aprender ó noso alumnado a ler en diferentes formatos. Tamén ler unha obra artística, unha viñeta, ou un anuncio.
Aproveitando a celebración do Día Internacional dos Museos convídoos a coñecer o Museo Virtual de Arte Publicitario (MUVAP) do Centro Virtual Cervantes, que coñecimos a través do portal Leer. es.
Aprender a ser críticos, a descifrar os códigos da publicidade, para non nos deixar enganar, é tamén función da escola e da biblioteca. O MUVAP ofrécenos algúns dos anuncios publicitarios máis senlleiros, e nos convida a analizalos empregando unhas elaboradas guías didácticas.
Grazas á miña amiga Ana I. coñecín este podcast. Corresponde ó programa Hoy por hoy (Cadena Ser), e, nel, José Antonio Marina aborda o tema das habilidades que deben dominar os nosos fillos para atopar un traballo.
E que ten isto que ver coas bibliotecas..?
Penso que ten que ver e moito. Segundo estudios da Universidade de Harvard, citados polo profesor Marina, no futuro, o traballo estará ineludiblemente vencellado á educación: destruirase traballo de baixa cualidaficación educativa, pero se crearán dezaseis millóns de traballos que esixen unha alta cualificación. Isto suporá, por unha banda, adquirir unhas habilidades básicas imprescindibles, pero, por outra, ter un coñecemento especializado que conleve unha actitude intelectual diferente que nos permita aprender ó longo de toda a vida.
Estas habilidades e estes cambios de actitudes deben ser impulsados dende a escola. Para iso, o profesor Marina propón un decálogo:
Pensamento crítico e resolución de problemas.
Colaboración a través de redes e liderazgo por influencia.
Axilidade.
Iniciativa.
Emprendemento.
Comunicación oral e escrita efectiva.
Acceso á información e análise da mesma.
Curiosidade.
Imaxinación.
Mente moi aberta.
Non son, acaso, estas, algunhas das competencias básicas que podemos acadar dende a biblioteca escolar cunha sólida formación de usuarios e unha alfabetización informacional coherente e seria...?
Déixovos escoitar o programa. Constitúe un reto educativo, e, como sempre ocurre con Marina, paga a pena escoitalo.
Hai xa algún tempo, en Leer.es apareceu este magnífico vídeo onde se presentaba a un grupo de mozos e mozas acusados pola dirección do centro de roubar un valioso libro.
Ademais de constituír un material moi axeitado (pola súa temática) para impulsar o achegamento da xuventude á biblioteca, este vídeo ofrece un xeito moi orixinal de dar a coñecer a organización da biblioteca.
O máis interesante é, sen embargo, descubrir a finalidade da biblioteca na que se desenvolve a historia: un centro de recursos da información que pretende formar usuarios autónomos na búsqueda, no manexo e no tratamento da información.
Os alumnos do vídeo sabían ben o que tiñan que facer e como facelo. Ogallá que nós tamén lles saibamos proporcionar ós nosos os medios para ser igual de autónomos.
Para botar a andar unha biblioteca escolar todos estamos dacordo na necesidade de centrar os nosos esforzos en dúas tarefas imprescindibles:
por unha banda, na catalogación (hoxe, xa, obviamente, informatizada) dos fondos;
por outra, na creación de ambientes lectores acolledores, mediante actividades de animación e fomento da lectura.
Sen embargo, cando xa levamos un tempo andando, a nosa oferta ten, necesariamente, que se diversificar:
en primeiro lugar, non facelo así faríanos caír nunha rutina estéril e inútil;
en segundo lugar (e máis importante que o anterior) faríanos adoptar unha postura desvencellada do mundo actual e do novo modelo de biblioteca escolar.
Unha vez realizadas esas tarefas "urxentes" citadas anteriormente, cómpre incorporar no noso traballo:
programas de alfabetización tecnolóxica e informacional;
experiencias de búsqueda informacional e de xeración de contidos dixitais;
creación de clubes de lectura (presenciais ou virtuais) que fomenten o intercambio de experiencias;
incorporación de dispositivos e contidos dixitais ó servizo de empréstito;
participación das familias.
É dicir, nun segundo intre, a Formación de Usuarios e a Educación Documental deben tomar o relevo, empregando para iso recursos en liña (ademais dos materiais impresos tradicionais).
Ata non hai moito, cando falabamos de fomento da lectura dábase por suposto que nos referiamos a obras de ficción en formato impreso.
Hoxe, as cousas teñen cambiado: tamén falamos de obras informativas cando falamos de lectura. E falamos doutros formatos: imaxe, son, documentos electrónicos, vídeos...
A Fundación Germán Sánchez Ruipérezven de publicar unha nova selección de recomendacións (Lo+2011) organizadas por idades e na que se integran estes novos formatos de lectura.
Unha magnífica axuda para actualizar os criterios cos que renovar os nosos fondos bibliotecarios.
Nos pasados Encontros do PLAMBE, celebrados en Santiago o 19 e 20 de abril, tivemos a oportunidade de escoitar a Elena Martín (catedrática de Psicoloxía Evolutiva e Educación na Universidade Autónoma de Madrid) falar sobre a importancia da avaliación e sobre a competencia de Aprender a aprender.
Elena Martín foi a asesora metodolóxica da publicación Bibliotecas escolares ¿entre interrogantes?, elaborada por Mónica Baró, Inés Miret, Teresa Mañá e Inmaculada Velosillo.
Co gallo da visita de Elena Martín, as Asesoras de Bibliotecas Escolares, Cristina Novoa e Pilar Sampedro, anunciaron a próxima tradución ó galego desta fantástica ferramenta.
Pois aquí a temos. Froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Que idea temos sobre o que pensan os nenos da poesía...?
Ás veces tentamos proxectar os nosos propios gustos ou prexuízos sobre o noso alumnado. E a evidencia, en contra das nosas ideas predeterminadas, dinos que a rapazada goza coa poesía. Mais... como abordar na aula o traballo poético...?
A musicalidade das rimas e dos trabalinguas constitúe un achegamento moi lúdico e efectivo. E se combiñamos lectura e escritura de poemas, o entusiasmo estará garantizado.
A continuación mostramos un magnífico traballo preparado por Loli Crespo Couselo, coordinadora do Equipo de Biblioteca do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo). O título non deixa lugar a dúbidas: Xogar para aprender. Aprender xogando. Unha manchea de propostas para traballar a poesía a partir da escritura.
No Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito que se celebrou (con grande éxito) en Santiago de Compostela durante o mes de novembro de 2011 presentouse este fantástico vídeo elaborado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia.
Ademais da súa beleza visual, e de nos proporcionar ideas para a nosa biblioteca, este vídeo constitúe un documento interesantísimo para coñecer (dun xeito resumido e gráfico) cales son as funcións e a orientación que, na actualidade, debe ter unha biblioteca escolar.
Grazas ó blog da Biblioteca do CPI de Viaño Pequeno (Trazo) coñecimos esta entrevista a Alberto Manguel en El País.
Unha entrevista chea de poesía e de amor polos libros e pola lectura, realizada co gallo da publicación do seu próximo libro, La biblioteca de noche. Unha obra na que o autor se pregunta polo sentido das cosas e na que conclúe que a resposta está nos libros.
Varias son as ideas sobre a lectura que podemos salientar desta entrevista:
nun mundo no que prima a présa e o rendemento económico, a literatura esixe lentitude e reflexión;
a lectura é unha ferramenta imprescindible para aprender a pensar, e, polo tanto, representa un perigo para todo poder;
este é o motivo polo que os libros nunca se levaron ben co poder, e polo que a historia do libro é paralela á historia da censura;
é por iso que a lectura é un acto de rebeldía;
mais, no futuro, a lectura será tamén un acto de supervivencia, porque só a través dela poderemos coñecer quen somos en realidade.
Consciente de que, a pesar de todo isto, ninguén pode nos obrigar a amar os libros (igual que ningúen pode obrigarnos a namorar) conclúe con dúas fermosas sentencias:
Hai un libro que espera por cada un de nós.
Nalgún lugar da biblioteca hai unha páxina que ten sido escrita para nós.
Mentras non podemos gozar coa lectura do seu libro, déixovos o enlace á entrevista aquí.
Achégovos este documento que coñecín a través de Emilio Roca, do IES Pedra da Aguia, de Ponteceso.
Trátase dun Manifesto impulsado por Luis Arizaleta (Navarra, xestor de programas educativos e culturais e educador literario) e outros cinco amigos e expertos en lectura (entre eles o propio Emilio) e asinado por un montón de persoas de recoñecido prestixio que poderedes atopar ó final do documento.
No documento se nos presentan doce sinxelas reflexións para facilitar un ambiente de lectura na escola. Uns textos para a reflexión, para a avaliación, para a reformulación e para a difusión entre os bibliotecarios escolares, entre os mestres, entre o alumnado e entre as familias.
En anteriores artigos presentabamos os Dez dereitos do lector, formulados por Daniel Pennac.
Hoxe presentamos un documento que tamén deberamos ter en conta á hora de falar de Fomento da lectura. Nove ideas extraídas dun fantástico artigo de Gianni Rodari titulado Nuevas maneras de enseñar a los niños a odiar la literatura.
Aquí tendes o artigo orixinal.
Kepa Osoro, na web de SOL, fixo a súa propia interpretación do artigo de Gianni Rodari. Podedes lelo premendo aquí.
E aquí vos deixo esta presentación que vos permitirá lembrar o esencial.
Nos magníficos álbumes ilustrados que poboan os andeis de librarías e bibliotecas atopamos auténticas obras de arte que temos que axudar a descifrar, a interpretar e a valorar polos nosos alumnos e alumnas. Para conquerilo, achegámosvos unha estupenda ferramenta: o Museo SOL, que coñecimos a través do blog Lectura Lab.
Unha recopilación en rede na que atoparás 217 ilustradores españois e máis de 4.000 ilustracións recollidas das páxinas de libros publicados por diversas editoriais.
En Bibliotics, o blog de recursos para bibliotecas escolares de Julia González, atopamos este curioso vídeo.
De gran beleza visual, pode ser un fantástico documento para recoñecer un dos aspectos que traballamos na Formación de Usuarios: as partes do libro.
Co título de Birth of a Book, Glen Milner nos presenta o nacemento dun libro impreso: a impresión nas rotativas en grandes "sabas", o corte das páxinas, a elaboración e cosido dos caderniños, a portada, a cuberta, a contracuberta, o lombo...
A través da prensa tiven coñecemento da celebración, en Vigo, das II Xornadas Internacionais de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil. Nesta ocasión, co título: A familia na literatura infantil e xuvenil.
Como se abordan os novos modelos de familia na literatura infantil e xuvenil? Como se constrúe o xénero nestas publicacións? Que papel ten a familia nos contos clásicos? Para tratar estes e outros temas reuniranse expertos de Portugal, Brasil, Estados Unidos, Italia e Alemaña.
Segundo ANILIJ, a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (organizadora das xornadas), estas están pensadas tanto para investigadores como para estudiantes relacionados con este campo, mestres, bibliotecarios ou mediadores.
As xornadas celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, os días 10 e 11 de maio. Toda a información relativa ás mesmas podedes atopalas no seguinte enlace.
No seu libro titulado Como una novela, Daniel Pennac fai unha acertada interpretación sobre o acceso da xuventude á lectura. Trátase dunha lectura moi lúdica e recomendable. Convídovos a iniciala, se non o tedes feito.
Nesta obra figuran os Dez Dereitos do Lector, que veñen sendo como os dez mandamentos do Fomento da Lectura.
Déixoos aquí para refrescalos (quen xa os coñecera) e, en todo caso, para non esquecelos cando tentemos fomentar a lectura entre o noso alumnado.
Aló cando non existía a escritura, a literatura transmitíase por tradición oral. Os grupos humáns reuníanse ó redor do lume (ou baixo unha árbore, en lugares máis cálidos) ó chegaren a noitiña. Así, os relatos aprendíanse de memoria e herdábanse de xeración en xeración. E non só os relatos, senon o xeito de contalos.
Porque a narrar tamén se aprende. E este mes temos a oportunidade de facelo da man do narrador camerunés Boni Ofogo, quen impartirá un curso na librería Libros para soñar. Déixovos os datos:
Curso: As ferramentas do narrador oral.
Dirixido a: docentes, estudiantes de educación infantil, animadores socioculturais e narradores.
Datas e horas: 27 (de 17:00 a 20:00 horas) e 28 de abril (de 10:30 a 13:30 horas)
Lugar: Libros para soñar (rúa Triunfo - Vigo)
Prezo: 24 €.
Prazas limitadas.
Para obter máis información sobre o curso e o ponente, podedes premer neste enlace.
Boni Ofogo ten publicado un libro (editado polo Ministerio de Educación) titulado Una vida de cuento. Podedes acceder a unha vista previa do mesmo premendo neste enlace.
Achegámosvos este podcast de Alberto García, profesor de Lingua e Literatura en Educación Secundaria en Asturias.
Aínda que o que nos propón baséase na súa experiencia en Secundaria, penso que inclúe ideas moi acertadas acerca do fomento da lectura que podemos, moi ben, aplicar na Educación Primaria.
Como fomentar a lectura coas obras de lectura obrigatoria? Co tipo de propostas que, moitas veces, facemos, realmente, o único que fomentamos é o aburrimento.
As propostas deste docente, que bota man das TICS, contribúen a fomentar a lectura, a escritura, a creatividade, a expresión oral e a dimensión pública da lectura.
O 2 de abril celébrase (dende 1967) o Día do Libro Infantil. Esta data, concebida para o fomento da lectura entre o público infantil, está promovida polo IBBY (International Board on Books for young people), e coincide coa data do nacemento e Hans Christian Andersen.
Cada ano, publícase un cartel e encárgase un manifesto a un escritor de recoñecido prestixio. Neste enlace podedes ler o do ano 2012, encargado ó mexicano Francisco Hinojosa.
Por outra banda, Julia González González, do CEIP Mestres Goldar (Vigo) ven de publicar esteLIM sobre a figura de Andersen. Un bo xeito de fomentar entre o alumnado a lectura dos contos deste famoso escritor.
Esta publicación de José García Guerrero ven de ser publicada pola Consejería de Educación da Junta de Andalucía. Forma parte da colección creada polos equipos de apoio das BECREA (Biblioteca Escolar, Centro de Recursos para la Enseñanza y el Aprendizaje).
Como os anteriores, un recurso serio a ter en conta para os mestres bibliotecarios.
Podes consultar o documento neste enlace.
A nosa compañeira Julia González González, do CEIP Mestres Goldar (Vigo) ven de presentar este Libro Interactivo Multimedia (LIM) elaborado por ela para traballar a Formación de Usuarios.
Unha boa proposta para tomar nota e empregar esta ferramenta como un xeito máis de achegar ó noso alumnado a esta tarefa tan necesaria nas bibliotecas escolares.
Esta publicación, editada hai un ano pola Consejería de Educación da Junta de Andalucía, convértese nun manual moi axeitado para todas as persoas que comezan a súa tarefa á fronte dunha biblioteca escolar.
Con claridade, e seguindo unha progresión ordeada e lóxica, explica os pasos a dar para levar a bo término a tarefa encomendada.
Consulta o documento neste enlace.