18 may 2012

18 de MAIO: DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS





Entre as funcións da biblioteca escolar está aprender ó noso alumnado a ler en diferentes formatos. Tamén ler unha obra artística, unha viñeta, ou un anuncio.

Aproveitando a celebración do Día Internacional dos Museos convídoos a coñecer o Museo Virtual de Arte Publicitario (MUVAP) do Centro Virtual Cervantes, que coñecimos a través do portal Leer. es. 


Aprender a ser críticos, a descifrar os códigos da publicidade, para non nos deixar enganar, é tamén función da escola e da biblioteca. O MUVAP ofrécenos algúns dos anuncios publicitarios máis senlleiros, e nos convida a analizalos empregando unhas elaboradas guías didácticas.

Podedes coñecer o MUVAP neste enlace.

Para tirarlle proveito!

12 may 2012

HABILIDADES BÁSICAS PARA ATOPAR UN TRABALLO






Grazas á miña amiga Ana I.  coñecín este podcast. Corresponde ó programa Hoy por hoy (Cadena Ser), e, nel, José Antonio Marina aborda o tema das habilidades que deben dominar os nosos fillos para atopar un traballo.

E que ten isto que ver coas bibliotecas..?




Penso que ten que ver e moito. Segundo estudios da Universidade de Harvard, citados polo profesor Marina, no futuro, o traballo estará ineludiblemente vencellado á educación: destruirase traballo de baixa cualidaficación educativa, pero se crearán dezaseis millóns de traballos que esixen unha alta cualificación. Isto suporá, por unha banda, adquirir unhas habilidades básicas imprescindibles, pero, por outra, ter un coñecemento especializado que conleve unha actitude intelectual diferente que nos permita aprender ó longo de toda a vida.

Estas habilidades e estes cambios de actitudes deben ser impulsados dende a escola. Para iso, o profesor Marina propón un decálogo:

      1. Pensamento crítico e resolución de problemas. 
      2. Colaboración a través de redes e liderazgo por influencia. 
      3. Axilidade.
      4. Iniciativa.
      5. Emprendemento.
      6. Comunicación oral e escrita efectiva. 
      7. Acceso á información e análise da mesma. 
      8. Curiosidade.
      9. Imaxinación.
      10. Mente moi aberta. 
Non son, acaso, estas, algunhas das competencias básicas que podemos acadar dende a biblioteca escolar cunha sólida formación de usuarios e unha alfabetización informacional coherente e seria...?

Déixovos escoitar o programa. Constitúe un reto educativo, e, como sempre ocurre con Marina, paga a pena escoitalo. 



9 may 2012

USUARIOS AUTÓNOMOS NA BIBLIOTECA

Hai xa algún tempo, en Leer.es apareceu este magnífico vídeo onde se presentaba a un grupo de mozos e mozas acusados pola dirección do centro de roubar un valioso libro.

Ademais de constituír un material moi axeitado (pola súa temática) para impulsar o achegamento da xuventude á biblioteca, este vídeo ofrece un xeito moi orixinal de dar a coñecer a organización da biblioteca.

O máis interesante é, sen embargo, descubrir a finalidade da biblioteca na que se desenvolve a historia: un centro de recursos da información que pretende formar usuarios autónomos na búsqueda, no manexo e no tratamento da información.

Os alumnos do vídeo sabían ben o que tiñan que facer e como facelo. Ogallá que nós tamén lles saibamos proporcionar ós nosos os medios para ser igual de autónomos.



2 may 2012

FAISE CAMIÑO Ó ANDAR...









Page URL:
Image URL:


Para botar a andar unha biblioteca escolar todos estamos dacordo na necesidade de centrar os nosos esforzos en dúas tarefas imprescindibles:



      • por unha banda, na catalogación (hoxe, xa, obviamente, informatizada) dos fondos;
      • por outra, na creación de ambientes lectores acolledores, mediante actividades de animación e fomento da lectura

Sen embargo, cando xa levamos un tempo andando, a nosa oferta ten, necesariamente, que se diversificar:
      • en primeiro lugar, non facelo así faríanos caír nunha rutina estéril e inútil;
      • en segundo lugar (e máis importante que o anterior) faríanos adoptar unha postura desvencellada do mundo actual e do novo modelo de biblioteca escolar. 

Unha vez realizadas esas tarefas "urxentes" citadas anteriormente, cómpre incorporar no noso traballo:
      • programas de alfabetización tecnolóxica e informacional;
      • experiencias de búsqueda informacional e de xeración de contidos dixitais;
      • creación de clubes de lectura (presenciais ou virtuais) que fomenten o intercambio de experiencias; 
      • incorporación de dispositivos e contidos dixitais ó servizo de empréstito; 
      • participación das familias.

É dicir, nun segundo intre, a Formación de Usuarios e a Educación Documental deben tomar o relevo, empregando para iso recursos en liña (ademais dos materiais impresos tradicionais). 

Isto é o que podemos concluír deste artigo titulado Aprovechar las TIC en la biblioteca infantil, que temos atopado en LecturaLab, da prestixiosa (e incuestionada) Fundación Germán Sánchez Ruipérez

1 may 2012

QUE ENTENDEMOS POR LECTURA CANDO FALAMOS DE LECTURA...?

Ata non hai moito, cando falabamos de fomento da lectura dábase por suposto que nos referiamos a obras de ficción en formato impreso.

Hoxe, as cousas teñen cambiado: tamén falamos de obras informativas cando falamos de lectura. E falamos doutros formatos: imaxe, son, documentos electrónicos, vídeos...

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez ven de publicar unha nova selección de recomendacións (Lo+2011) organizadas por idades e na que se integran estes novos formatos de lectura.

Unha magnífica axuda para actualizar os criterios cos que renovar os nosos fondos bibliotecarios.