Mostrando entradas con la etiqueta Fomento da Lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Fomento da Lectura. Mostrar todas las entradas

11 sept 2016

CARTEIS DIXITAIS CON SKITCH






Á hora de abordar o Fomento da lectura, existen múltiples posibilidades. Por que non propór ós lectores un cartel dixital no que reflicten as frases que máis lles gustaron?

Skitch é unha app multiplataforma vencellada a Evernote que nos permite incorporar imaxes, debuxar e escribir. Nesta ocasión, empregando a portada da novela Dos años, ocho meses y veintiocho noches, de Salman Rushdie, teño elaborado este cartel dixital. Trátase dunha obra que, tomando como modelo As mil e unha noites, reivindica o poder dos contos, dos seres máxicos e da filosofía, o que permite ó autor achegarse ás claves dunha realidade que non sempre comprendemos.



6 sept 2016

REALIDADE AUMENTADA PARA FOMENTAR A LECTURA






Probablemente, a realidade aumentada tiña no seu inicio unha intención informativa. Nos últimos meses, co Pokemon Go, asistimos ó furor dun xogo baseado nela. Por que non aproveitar estas oportunidades que se nos brindan para, tamén, fomentar a lectura?

Existen numerosas obras literarias que constitúen un auténtico paseo ó longo do mundo. Unha delas é Os fillos do mar, a novela de Pedro Feijoo ambientada en Vigo. Unha obra que ten sido obxecto de clubes de lectura e paseos literarios. Aumentar a realidade incorporándolle fragmentos da novela semella un xeito orixinal de fomentar a lectura. Iso é o que teño pretendido creando unha ruta coa aplicación gratuíta Geo Aumentaty, dispoñible para ordenadores e dispositivos móbiles.

Empregando esta ferramenta, teño creado unha ruta literaria coa que percorrer as rúas de Vigo mentras coñecemos algúns dos lugares onde se desenvolve a novela.

O proceso ten dúas partes: 

1. Crear a ruta e os pois (puntos de interese). O proceso resulta moi sinxelo, e está perfectamente explicado na páxina web anteriormente citada. O interesante desta aplicación é que podemos incluír materiais de formato variado: imaxes, documentos, vídeos e audio.

2. O usuario deberá descargar no seu dispositivo móbil a app Geo Aumentaty, a través de Play Store ou de App Store, segundo empreguemos Android ou iOS.

3. O seguinte paso será atopar unha ruta. Para iso temos varias opcións:
 

      • ubicación
      • rutas favoritas (estará baleira mentras non seleccionemos ningunha)
      • rutas mellor valoradas
      • rutas máis recentes
Para atopar a ruta que teño creado, o mellor será cambiar a ubicación de búsqueda, escribindo o nome da cidade na que se desenvolve esta: Vigo. Como resultado, obteremos un listado no que seleccionaremos a nosa ruta. 




Grazas á app, poderemos localizarnos no MAPA, obter o percorrido que temos que facer (a pé, en coche ou en transporte público) ata chegar a cada un dos puntos, e obter a visión dende o satélite. Podemos compartir a ruta con outras persoas.

E, ó chegar ó lugar, poderemos disfrutar do entorno lendo ou escoitando un fragmento da novela.

Felices e proveitosas lecturas!



25 mar 2016

TELLAGAMI: DE XOGO A FERRAMENTA EDUCATIVA



En moitas ocasións semella que o lúdico non pode ser educativo. Afortunadamente, esta visión está a cambiar, aparecendo novas aplicacións que nos permiten conxugar sabiamente a diversión e a aprendizaxe.

Este é o caso de Tellagami, unha app que, aparentemente, podería ser considerada como o tradicional xogo das mariquitas, só que en versión interactiva e con micrófono. Aparentemente: cambiar a fisonomía, o fondo e a vestimenta dos personaxes só é un xogo engadido cando, previamente, temos investigado sobre un tema, resumido unha información ata un máximo de 90 segundos e lido un texto con soltura e boa dicción.

A experiencia resulta enriquecedora e estimulante para o alumnado, e os resultados, moi variados.

O seguinte exemplo reflicte o uso que demos a Tellagami no C.E.I.P. Frian - Teis co gallo do Día da Muller Traballadora.


4 mar 2016

TELLAGAMI







Investigar e expor os resultados do noso traballo pode resultar divertido e adquirir unha compoñente lúdica. Estas son as finalidades da actividade sobre creación de biografías empregando a app Tellagami. Aquí presentamos un sinxelo titorial.





18 feb 2015

DÚAS BÁGOAS POR MÁQUINA





Presentamos este mapa mental sobre Dúas bágoas por Máquina, unha obra de Fina Casalderrey gañadora do Premio Merlín.

En torno ó tema do amor ós animais coexisten moitos outros: a enfermidade dos maiores, o paro, a amistade, a adolescencia, o amor... Esperamos que esta ferramenta nos axude a desenvolver un fantástico clube de lectura cos nosos alumnos.


2 nov 2012

CONTANDO CONTOS

Os contacontos son unha das actividades que máis agradecen a rapazada e as familias. Pero se os narradores son papá e mamá, entón, a experiencia resulta incrible.

Coa intención de que os pais e nais se animen a actuar como contacontos, perdendo o medo e superando as inseguridades, teño preparado esta presentación.

Está baseada no fantástico libro de Estrella Ortiz titulado Rotundifolia. Contar con los cuentos. Nun futuro, completareino con outros aspectos recollidos do mesmo libro.

Espero que vos sexa de utilidade e vos anime a contar contos. 





29 sept 2012

HORA DE LER: Programa de Fomento da Lectura en Galicia





No pasado Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y en la Cultura / IV Congreso Leer.es, a laboura que desenvolven as bibliotecas escolares galegas estivo tamén presente. Cristina Novoa e Pilar Sampedro (Asesoras de Bibliotecas Escolares) presentaron dúas comunicacións:



      • Bibliotecas Escolares de Galicia, aceleradores de innovación
      • Hora de Ler, un programa para el fomento de la lectura en centros educativos de Galicia
Achegámosvos o texto desta última, na que se resume a xénese e as características de todas as accións que es están a desenvolver no tocante ó Fomento da Lectura. Un bo xeito de coñecelas e comprendelas. E, se xa as coñeces, unha ocasión de refrescarse e retomar ideas. 

9 sept 2012

UNHA VIDA ENTRE LIBROS



O día 5 de setembro tiven a oportunidade de asistir á Conferencia de apertura do IV Congreso Leer.es e do Congreso Iberoamericano de las Lenguas en la Educación y en la Cultura. Estivo a cargo de Ana María Machado, escritora brasileira gañadora do Premio Hans Christian Andersen.

De propia voz, coñecimos a súa traxectoria dende a súa máis tenra infancia (na que o papel dos seus avós e os seus pais resultou fundamental) ata a súa actual adicación ó fomento da lectura e da cultura.

Todo un agasallo. Espero que disfrutedes del.


1 may 2012

QUE ENTENDEMOS POR LECTURA CANDO FALAMOS DE LECTURA...?

Ata non hai moito, cando falabamos de fomento da lectura dábase por suposto que nos referiamos a obras de ficción en formato impreso.

Hoxe, as cousas teñen cambiado: tamén falamos de obras informativas cando falamos de lectura. E falamos doutros formatos: imaxe, son, documentos electrónicos, vídeos...

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez ven de publicar unha nova selección de recomendacións (Lo+2011) organizadas por idades e na que se integran estes novos formatos de lectura.

Unha magnífica axuda para actualizar os criterios cos que renovar os nosos fondos bibliotecarios. 



27 abr 2012

... DE POESÍA

Que idea temos sobre o que pensan os nenos da poesía...?

Ás veces tentamos proxectar os nosos propios gustos ou prexuízos sobre o noso alumnado. E a evidencia, en contra das nosas ideas predeterminadas, dinos que a rapazada goza coa poesía. Mais... como abordar na aula o traballo poético...?

A musicalidade das rimas e dos trabalinguas constitúe un achegamento moi lúdico e efectivo. E se combiñamos lectura e escritura de poemas, o entusiasmo estará garantizado.

A continuación mostramos un magnífico traballo preparado por Loli Crespo Couselo, coordinadora do Equipo de Biblioteca do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo). O título non deixa lugar a dúbidas: Xogar para aprender. Aprender xogando. Unha manchea de propostas para traballar a poesía a partir da escritura.

Seguro que nos da un montón de ideas...


23 abr 2012

DOCE REFLEXIÓNS PARA FACILITAR UN AMBIENTE DE LECTURA NA ESCOLA



Achégovos este documento que coñecín a través de Emilio Roca, do IES Pedra da Aguia, de Ponteceso. 

Trátase dun Manifesto impulsado por Luis Arizaleta (Navarra, xestor de programas educativos e culturais e educador literario) e outros cinco amigos e expertos en lectura (entre eles o propio Emilio) e asinado por un montón de persoas de recoñecido prestixio que poderedes atopar ó final do documento. 

No documento se nos presentan doce sinxelas reflexións para facilitar un ambiente de lectura na escola. Uns textos para a reflexión, para a avaliación, para a reformulación e para a difusión entre os bibliotecarios escolares, entre os mestres, entre o alumnado e entre as familias. 


Grazas por nos facer partícipes deste agasallo. 





19 abr 2012

COMO APRENDER A ODIAR A LECTURA


En anteriores artigos presentabamos os Dez dereitos do lector, formulados por Daniel Pennac.

Hoxe presentamos un documento que tamén deberamos ter en conta á hora de falar de Fomento da lectura. Nove ideas extraídas dun fantástico artigo de Gianni Rodari titulado Nuevas maneras de enseñar a los niños a odiar la literatura.

Aquí tendes o artigo orixinal.






Kepa Osoro, na web de SOL, fixo a súa propia interpretación do artigo de Gianni Rodari. Podedes lelo premendo aquí

E aquí vos deixo esta presentación que vos permitirá lembrar o esencial.


18 abr 2012

MUSEO DA ILUSTRACIÓN EN LIÑA

Nos magníficos álbumes ilustrados que poboan os andeis de librarías e bibliotecas atopamos auténticas obras de arte que temos que axudar a descifrar, a interpretar e a valorar polos nosos alumnos e alumnas. Para conquerilo, achegámosvos unha estupenda ferramenta: o Museo SOL, que coñecimos a través do blog Lectura Lab.

Unha recopilación en rede na que atoparás 217 ilustradores españois e máis de 4.000 ilustracións recollidas das páxinas de libros publicados por diversas editoriais.

Para disfrutar!

11 abr 2012

OS DEZ DEREITOS DO LECTOR




No seu libro titulado Como una novela, Daniel Pennac fai unha acertada interpretación sobre o acceso da xuventude á lectura. Trátase dunha lectura moi lúdica e recomendable. Convídovos a iniciala, se non o tedes feito.

Nesta obra figuran os Dez Dereitos do Lector, que veñen sendo como os dez mandamentos do Fomento da Lectura.

Déixoos aquí para refrescalos (quen xa os coñecera) e, en todo caso, para non esquecelos cando tentemos fomentar a lectura entre o noso alumnado.








10 abr 2012

FOMENTAR A LECTURA A PARTIR DA ORALIDADE


Aló cando non existía a escritura, a literatura transmitíase por tradición oral. Os grupos humáns reuníanse ó redor do lume (ou baixo unha árbore, en lugares máis cálidos) ó chegaren a noitiña. Así, os relatos aprendíanse de memoria e herdábanse de xeración en xeración. E non só os relatos, senon o xeito de contalos.

Porque a narrar tamén se aprende. E este mes temos a oportunidade de facelo da man do narrador camerunés Boni Ofogo, quen impartirá un curso na librería Libros para soñar. Déixovos os datos:

      • Curso: As ferramentas do narrador oral.
      • Dirixido a: docentes, estudiantes de educación infantil, animadores socioculturais e narradores.
      • Datas e horas: 27 (de 17:00 a 20:00 horas) e 28 de abril (de 10:30 a 13:30 horas)
      • Lugar: Libros para soñar (rúa Triunfo - Vigo) 
      • Prezo: 24 €.
      • Prazas limitadas.
Para obter máis información sobre o curso e o ponente, podedes premer neste enlace

Boni Ofogo ten publicado un libro (editado polo Ministerio de Educación) titulado Una vida de cuento. Podedes acceder a unha vista previa do mesmo premendo neste enlace

9 abr 2012

FOMENTAR A LECTURA COAS TICS

Achegámosvos este podcast de Alberto García, profesor de Lingua e Literatura en Educación Secundaria en Asturias.

Aínda que o que nos propón baséase na súa experiencia en Secundaria, penso que inclúe ideas moi acertadas acerca do fomento da lectura que podemos, moi ben, aplicar na Educación Primaria.

Como fomentar a lectura coas obras de lectura obrigatoria? Co tipo de propostas que, moitas veces, facemos, realmente, o único que fomentamos é o aburrimento.

As propostas deste docente, que bota man das TICS, contribúen a fomentar a lectura, a escritura, a creatividade, a expresión oral e a dimensión pública da lectura.

8 abr 2012

2 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO INFANTIL

O 2 de abril celébrase (dende 1967) o Día do Libro Infantil. Esta data, concebida para o fomento da lectura entre o público infantil, está promovida polo IBBY (International Board on Books for young people), e coincide coa data do nacemento e Hans Christian Andersen.

Cada ano, publícase un cartel e encárgase un manifesto a un escritor de recoñecido prestixio. Neste enlace podedes ler o do ano 2012, encargado ó mexicano Francisco Hinojosa. 

Por outra banda, Julia González González, do CEIP Mestres Goldar (Vigo) ven de publicar este LIM sobre a figura de Andersen. Un bo xeito de fomentar entre o alumnado a lectura dos contos deste famoso escritor.

Para acceder ó LIM, preme na imaxe.

7 abr 2012

CONTRIBUCIÓN DA BIBLIOTECA ESCOLAR Ó FOMENTO DA LECTURA




Esta publicación de José García Guerrero ven de ser publicada pola Consejería de Educación da Junta de Andalucía. Forma parte da colección creada polos equipos de apoio das BECREA (Biblioteca Escolar, Centro de Recursos para la Enseñanza y el Aprendizaje).

Como os anteriores, un recurso serio a ter en conta para os mestres bibliotecarios.
Podes consultar o documento neste enlace.